Primeiras reaccións da esquerda galega ao acordo PSOE-UP

O BNG pide "medidas concretas" e En Marea considera que "volven esquecerse de Galicia".

Foto: Inma Mesa / PSOE

O BNG considera que o documento entre PSOE e Unidas Podemos é un acordo “a medio camiño”. Da voz do deputado no Congreso Néstor Rego, pediu concreción ao PSOE para poder dar o seu apoio na investidura: “o goberno central está afeito a esquecer a Galiza e que os nosos problemas precisan solucións.”

- Publicidade -

Sobre o acordo, nunha entrevista aos medios públicos, Rego volveu pedir concreción: “non nos serve un estatuto para as electrointensivas sen saber as consecuencias prácticas do mesmo”. Sobre a AP-9, dixo que “non serve que se diga que vaia haber descontos, sen saber cales e en que prazos” ou pediu “cambios lexislativos” para mellorar a situación dos emigrantes retornados.

En Marea criticaba o acordo de goberno entre PSOE e Unidas Podemos ao considerar que esquece os problemas reais de Galicia, como son o transporte, a transición enerxética ou a situación de urxencia lingüística do galego. En canto ao problema demográfico e de servizos do rural, criticaron o pacto por meter no mesmo saco a Galicia que a Castela.

Para o Galicia en Común, como é obvio, o acordo é positivo. Falan dun acordo “histórico” e din que se abre “unha etapa de esperanza para facer do #SíSePuede políticas de goberno.” Outras forzas galeguistas como Anova ou Compromiso por Galicia aínda non valoraron de xeito explícito o acordo.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego