A Universidade da Coruña (UDC) suspendeu este mércores unhas xornadas sobre traballo sexual que estaba previsto celebrar na Facultade de Socioloxía entre o 19 e 20 de setembro, ao non poder “garantir a seguridade do debate nin a súa calidade académica”, segundo sinalaron no seu comunicado. A cancelación prodúcese tras as críticas lanzadas por parte do movemento que propón a abolición da prostitución.
A cancelación das xornadas reabre o debate sobre a prostitución e causou a indignación de todas as persoas que promoven un diálogo entre as diferentes posturas. Unha das ponentes destas xornadas, activista feminista e traballadora sexual, Kenia García explica en declaracións a Nós Televisión que “apenas publicamos o cartel comunicando as nosas Xornadas sobre Traballo Sexual na UDC e tanto a Universidade, o seu reitor, como as ponentes recibimos un acoso feroz e difamacións de todo tipo, a pesar de que as Xornadas eran totalmente públicas, abertas e gratuítas e todos e todas estaban convidadas a debater”. García considera que “os prexuízos, as ameazas e as difamacións son o instrumento de quen non ten argumentos sólidos, de quen ten medo e intereses en xogo”. Subliña ademais de que, ata o de agora, máis de sete espazos -centros sociais, bares e incluso unha casa particular- se ofreceron a acoller as xornadas que seguirán adiante.
Con todo, a indignación non tocou só ás propias organizadoras. Dentro do ámbito académico, máis de 80 profesoras asinaron xa un comunicado no que lamentan a cancelación destas xornadas e advirten do risco que isto supón. Na política, a deputada nacionalista tamén alerta dos riscos deste tipo de actuacións.
Calquera día vétannos a nós, soberanistas galegas, en nome da sacrosanta unidade de España e a legalidade vixente. A censura, máis aínda na Universidade que é espazo de debate e confrontación de ideas, só reforza a quen ten poder. Todo o apoio á @UDC_gal https://t.co/QeFbZkic9N
— Olalla Rodil (@orodil) September 12, 2019
Por outra banda, a Secretaria de Estado de Igualdad, Soledad Murillo, parabenizou a Universidade da Coruña pola cancelación das xornadas.
Gracias a @UDC_gal por la decisión tomada. Pero si era un debate, dónde estaban las abolicionistas? el contenido era invocar la prostitución como un trabajo. Una inquietud: se debatirían terapias para homosexuales? https://t.co/H7kyvGGgvu vía @eldiarioes
— Soledad Murillo (@soledad_murillo) September 12, 2019