Primeira xornada de coidado das bestas de Sabucedo no monte: “É moito máis latoso e lento que se o fixeramos de xeito unificado”

As labores centralizáronse no Peón e continuarán ao longo das vindeiras semanas noutros montes da contorna

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo celebrou este domingo a primeira xornada de coidado das bestas no monte despois de cancelar, por seguridade sanitaria, a tradicional e unificada Rapa das Bestas. Nesta xornada de coidado, de máis de 14 horas de duración, participou un cento de veciñas e veciños que percorreron as zonas de Insuela, Corvos, Fontefría e Chao das Queimas e conseguíu reunir a 80 bestas das mandas que habitan nestes espazos.

Tras esta labor, que incluíu a captura de garañóns como Ciclón e Borrallas, as eguas foron trasladadas ata o peche do Peón, onde se procedeu ao marcado con microchip dunha ducia de poldras deste ano con persoal veterinario, á desparasitación interna de toda a cabana, algunhas rapas de crinas nas bestas que máis o precisaban e ao control e cambio de cabalos co obxectivo de favorecer un mellor desenvolvemento das mandas.

O presidente da asociación, Paulo Vicente, quixo agradecer a ampla participación da veciñanza, “o que demostra a súa responsabilidade e implicación co coidado da nosa eguada” e explicou que este tipo de traballos por xornadas “é moito máis latoso e lento que se o fixeramos de xeito unificado na Rapa, pero decidimos non celebrala por responsabilidade e agora temos que sacrificarnos bastante, moitas veces incluso a nivel persoal ou laboral, pero o facemos con gusto para darlle o maior coidado e benestar ás nosas bestas, sabendo que hai unha circunstancia sanitaria grave e agardando a que pase canto antes”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego