Yolanda Díaz toma con humor os rumores que sitúan o seu futuro na candidatura de Madrid. “Son FakeNews” dixo a deputada de En Marea en referenza a unhas informacións publicadas na mañá de hoxe e que indican que a deputada, militante de Esquerda Unida, estaría optando por presentarse ás vindeiras Eleccións Xerais pola candidatura de Madrid para garantir a súa presenza no Congreso dos Deputados.
“Eu xa teño visto de todo na política”. Un desembarco que a propia Yolanda Díaz desmente. En declaracións para Nós Televisión, a actual deputada de En Marea no Congreso, asegurou que as “decisións colectivas” que afecten á vindeira candidatura sempre se “tomarán en Galicia”.
Hoxe mesmo, Yolanda Díaz fixo un novo chamamento para antepor os intereses colectivos aos individuais e evitar o cisma no seo de En Marea perante as vindeiras eleccións Xerais. Así, reclamou “altura de miras” e declarou que aínda confía en que se poida evitar a ruptura de En Marea.