Compostela dá pulo ao pequeno comercio coa terceira edición de ‘Con B de Barrio’, un programa de dinamización económica que permitirá aos establecementos adheridos “crear sinerxias” e “espazos colaborativos” para mellorar a competitividade do sector. Deste xeito, o Concello prestará servizos de asesoría e consultoría a aqueles comercios cuxas propostas sexan seleccionadas.
Para participar, os establecementos deberán presentar os seus proxectos comerciais. A principal novidade este ano é a “aposta significativa” polo “asociacionismo”, polo que as candidaturas que queiran optar a este programa deberán estar integradas por un mínimo de tres comercios. O prazo para presentar as candidaturas expira o vindeiro 23 de abril, mais o Concello podería amplialo no caso de recibir menos de dez propostas.