O xoves 5 estréase en Carballo “Premios Darwin”, unha serie de humor negro que parte dun espectáculo no que se recolle algunha das mortes máis absurdas ocorridas en Galicia. A súa creadora, Carmen Conde, presentaba hai meses Tabú, outro espectáculo ao redor de conversas con mulleres galegas de entre 70 e 90 anos nos que trataban temas como o amor ou o sexo. Desta vez, o tabú cambia. Falamos de Galicia e da morte con Carmen Conde.
No teaser da serie apelas a morrer de xeito ridículo e orixinal, de carecer de lóxica. Vai un pouco diso?
Si, vai de mortes absurdas que ocorreron en Galicia. Estiven percorrendo o país buscando o que pensaba que sería un feixe cativo de historias, cinco ou seis, e rematou por converterse nun ‘excedente de mortes’ tan grande que se converteron nun espectáculo en vivo que rematou nunha serie para contar as que non contara no espectáculo.
Cal é o formato da serie?
Por agora son tres episodios de dez minutos pero a nosa idea, polo simbólico do número, é chegar a 13, pero somos humildes. Haber hai mortes para contar, podería ser infinito.
“Pensaba que sería un feixe cativo de historias, cinco ou seis, e rematou por converterse nun ‘excedente de mortes'”
Dise sempre que os galegos temos unha relación especial coa morte. Cres que é así?
Si. En Galicia temos unha relación moi íntima coa morte. O noso xefe de son di algo que representa o espírito dos galegos nisto: Preguntoulle alguén de fóra que porque as festas nas aldeas e parroquias se fan ao redor dos cemiterios e o noso xefe de son dicía que “o pobo son todos, os vivos e mailos mortos”. En Galicia naturalizamos isto dun xeito extremo, somos un pobo que nun velorio sinte moito a perda do familiar pero ao mesmo tempo somos quen de lembrar as súas anécdotas en vida ata rirnos. Naturalizamos a morte porque medramos nun entorno rural e como todo alí, nace, medra e desaparece. E nós tamén, é algo moi íntimo.
Non ten nada de tabú a morte en Galicia?
Ten esa outra cara do tabú, que se fala pouco dela cando non está sucedendo. Cando xa pasou o evento mortuorio, xa non se menciona, esquivámola. Cando vas buscando estas historias a primeira reacción é a risa, pero despois o certo é que disfrutan moito contando estas historias, en plan: “ti non vas crer o que pasou na miña parroquia, non o vas crer.”
“Naturalizamos a morte porque medramos nun entorno rural e como todo alí, nace, medra e desaparece. E nós tamén, é algo moi íntimo.”
Porque a serie é unha comedia… negra.
É humor negro pero moi negro. Son todo anécdotas reais nas que en calquera caso deixou de imperar a lóxica, por iso falo da táctica do ridículo no teaser, porque hai de todo, desde xeitos de morrer por non pensar con clarividencia ou reaccións dos máis achegados do morto. Non é sempre o morto o protagonistas… porque ‘mimá’, hai cada razoamento diante dun morto…
Que ten o tema das mortes para atraernos tanto? Ata para rirnos.
Supoño que o que non podemos experimentar xera curiosidade, e mentres estamos vivos non podemos experimentar a morte. Por un lado, danos un pouquiño de temor o como será, pero por outro dá curiosidade. Hai moitas formas de chegar a esa curiosidade, desde o humor, desde a filosofía… Desde o principio dos tempos o ser humano quixo achegarse á morte porque mentres estamos vivos é algo inalcanzable.
Algo máis que destacar da obra?
A fortuna que tivemos co noso elenco, que dixeron que sí ao momento. Avelino González, Víctor Mosqueira, María Vázquez, César Cambeiro, Ana Santos, Evaristo Calvo… A obra está dirixida por Guillermo Arias-Carvajal Alonso e é a primeira obra de Tarabela Creativa, que somos Diego Gallego e máis eu. Estamos agradecidas tamén ao Concello de Carballo, que puxo confianza e apostou polo proxecto. Foi moi bonito traballar a todo o equipo xuntos e temos moita ilusión por compartila co mundo.
A serie estréase o xoves 5 ás 20:30 no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.