O Partido Popular de Galicia e o Partido Socialista de Galicia pechan filas arredor da sentenza emitida este luns polo Tribunal Supremo contra as e os dirixentes independentistas de Catalunya. O castigo máis duro recae no líder de ERC, Oriol Junqueras, condenado a 13 anos de prisión por sedición e malversación con agravantes. A sentenza, que condena o referendo popular catalán do 1 de outubro, foi duramente criticada dende as voces da esquerda, especialmente do nacionalismo galego. Pola contra, o popular Pedro Puy e o socialista Gonzalo Caballero sostiveron un discurso unánime: “Quen vai contra lei, asume a súa responsabilidade”.
Dende o Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón criticou con dureza o dictame do Alto Tribunal. “É unha involución democrática”, sinalou a nacionalista que chamou ao dereito a decidir das nacións sen Estado.
Unha opinión compartida nos demais blocos da esquerda galega onde advirten dos riscos que poden conlevar esta sentenza para o pobo galego.