O PP prosegue en solitario coa súa reforma sanitaria

BNG, PSdeG-PSOE e En Marea pretendían que se "respectase" a "vontade popular"

Malestar entre os partidos da oposición pola negativa do Partido Popular a pospor a reforma sanitaria. Os grupos parlamentarios de BNG, PSdeG-PSOE e En Marea criticaron que o goberno galego seguise adiante coa súa proposta sen ter en consideración a “forte oposición cidadá”. Montse Prado, deputada do Bloque Nacionalista Galego, acusou á executiva de Núñez Feijóo de gobernar “a beneficio da industria farmacéutica”.

Deputadas e deputados de En Marea amosaron o seu enfado no Pleno

O Grupo Socialista enfocou o debate pola mesma vía, e criticou a “negativa global” do PP a aceptar as emendas propostas, tanto as procedentes dos partidos políticos como as enunciadas dende colectivos sociais como SOS Sanidade Pública.

Eva Solla: “O PP engana á cidadanía prometendo mellorías que non se van producir”

Máis crítica no seu discurso foi a deputada de En Marea Eva Solla, que acusou ao grupo de goberno de “facilitar as portas xiratorias” e “enganar á cidadanía” prometendo “mellorías” no sistema sanitario grazas a este proxecto de lei.

O PP deféndese: “Non se privatiza a sanidade”

Pola súa banda, o deputado popular Aurelio Núñez e o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, lamentaron que os grupos da oposición “negasen” a “lexitimidade” do goberno da Xunta, ao tempo que os acusaron de “manipular” á cidadanía galega cun discurso “sen argumentos” e con “falsos prexuízos” sobre a nova Lei de Saúde.

Este mércores debatiranse no Pleno as emendas ao texto lexislativo presentadas pola oposición, mais todo parece indicar que o proxecto de reforma sanitaria será aprobado sen mudanzas considerábeis e sen máis apoios que os do propio Partido Popular.


Os partidos da oposición pediron, sen éxito, o aprazamento da sesión

A voceira do BNG, Ana Pontón, e os voceiros de PSdeG-PSOE e En Marea, Xoaquín Fernández Leiceaga e Luís Villares, solicitaron formalmente ante a Mesa do Parlamento que se aprazase o debate da reforma da Lei de Saúde, esgrimindo que así o expresara a cidadanía galega o pasado domingo na masiva concentración en Compostela.

Queren gobernar a golpe de manifestación

Porén, a votación foi negativa e non se mudou a orde do día. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, lamentou esta petición argumentando que a lexislación se realiza no Parlamento e non “a golpe de manifestación”.

- Publicidade -