PP e BNG lamentan a “baixa execución orzamentaria” do Concello de Santiago

Críticas dende a oposición pola cifra de execución dos investimentos reais no exercicio 2017, que se situou nun 23%

Compostela rematou o exercicio do ano 2017 con superávit e unha diminución considerábel da débeda. Porén, a liquidación dos orzamentos amosan un baixo nivel de execución dos investimentos reais, unha cifra que rolda o 23% e que a oposición considera insuficiente.

Goretti Sanmartín, concelleira do BNG, lamenta que o Concello non teña atendido algunhas peticións veciñais en materia de obras “habendo cartos suficientes”. Asemade, a edil popular María Antón súmase ás protestas e denuncia a “incapacidade de xestión” de Compostela Aberta.

Autocrítica do Goberno local

A edil de Facenda, pola súa banda, insiste en que a baixa execución orzamentaria debeuse, en parte, a que moitas das obras licitadas en 2017 non aparecen nos orzamentos ao non terse iniciado dentro do período. Así e todo, a concelleira María Rozas recoñecía o mércores que estes datos de cumprimento eran aínda mellorábeis.

- Publicidade -