PP e BNG acusan a Noriega de converter o Pleno do xoves nun “circo”

O alcalde defende a súa xestión no tocante á EDAR e insta a ambos partidos a "madurar"

Finalmente, no Pleno do pasado xoves non puido votarse a moción de Compostela Aberta acerca do convenio da EDAR do Souto ao non ter entrado en vigor os orzamentos de 2018. As contas foron aprobadas este venres pola Xunta de Goberno, e ratificaranse nas vindeiras datas polo conxunto da corporación municipal compostelá.

- Publicidade -

O Partido Popular de Santiago criticou que se celebrase un “debate estéril” convocado por mor da “cobardía política” do alcalde, quen, segundo Hernández, atópase “totalmente desbordado” ante a “crise” da depuradora. Asemade, o grupo municipal do BNG cualificou de “despropósito” a estratexia do Goberno de Martiño Noriega. Dende a formación nacionalista lamentan que PP e Compostela Aberta prefiran “facer o paripé” e “converter o Pleno nun circo” no canto de procurar unha “solución inmediata” para este conflito.

Noriega: “O BNG e o PP deberían acadar a maioría de idade”

O alcalde desbotou as críticas vertidas polo Bloque e o PP e instou a ambas formacións a “madurar” e “acadar a maioría de idade”, ao tempo que lembrou que os partidos da oposición no Concello tiveron tamén “responsabilidades” no tocante á EDAR: “O BNG tivo durante oito anos a carteira de Medio Ambiente [en Raxoi], e Agustín [Hernández] cambiou o convenio con Conde Roa malia as irregularidades técnicas”, expresou Noriega.

Alternativa á ORA

Por outra banda, a corporación aprobou por unanimidade a proposta do BNG de incluír na memoria económica da ORA e o guindastre a posibilidade de establecer un modelo de aparcadoiro “en rotación e de balde”. Para o voceiro do grupo nacionalista, este é un “paso previo moi importante”, xa que a moción foi secundada por tódalas formacións do Pleno, sen rexistrarse ningún voto en contra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego