O PP considera á familia Franco “lexítima propietaria” das estatuas do Mestre Mateo

Agustín Hernández, voceiro do grupo municipal, aclara que o seu partido defende que o Concello loite pola titularidade das pezas, mais expón que hoxe "a situación xurídica é a que é"

Verbas comprometidas do voceiro do PP de Santiago, Agustín Hernández, acerca da situación legal das estatuas de Abraham e Isaac esculpidas polo Mestre Mateo. Após unha breve exposición no Museo da Catedral, as esculturas do Pórtico da Gloria voltaban a pasada semana a mans da familia Franco, que, segundo Agustín Hernández, é a “lexítima propietaria” das pezas até que se aclare a súa situación xurídica. O concelleiro popular defende que o Concello manteña a súa loita administrativa pola propiedade das estatuas, e critica a “inacción” do Goberno de Compostela Aberta ao respecto, ao tempo que expón que “a situación actual é a que é”.

O espolio do ditador volveu copar a actualidade política da cidade. Na mañá deste luns tamén pronunciaban as súas opinións os líderes de PSdeG-PSOE, BNG e Compostela Aberta. Paco Reyes, voceiro socialista, cre que a volta das estatuas ao Pazo de Meirás é unha “provocación” da familia Franco.

Máis crítico no seu discurso foi Rubén Cela, titular do BNG, quen asegura que xa quedou demostrado que o Concello é o “lexítimo dono” das pezas.

Martiño Noriega: “Esta é unha batalla de toda a cidade”

Pola súa banda, o alcalde, Martiño Noriega, agarda que durante o ano 2018 poida producirse unha “sentenza favorable” que axude a Compostela a gañar unha batalla xudicial que é “de toda a cidade”. Sexa como for, a día de hoxe as estatuas de Abraham e Isaac atópanse no interior do Pazo de Meirás e, mentres a Xustiza non diga o contrario, o patrimonio espoliado polo ditador seguirá baixo a tutela das e dos seus descendentes.

- Publicidade -