As accións para reverter a actual situación nos terreos do Porto da Coruña seguen a camiñar cara a recuperación da fachada marítima para a cidadanía. O goberno municipal trazou a súa propia liña de actuación hai meses cando tiña en contra á propia Xunta e o goberno español, daquela dirixidos polo PP. En abril deste ano tiña lugar un dos encontros máis importantes para comezar a traballar sobre o futuro deste espazo da cidade: o Foro Tecendo Litoral.
Na mañá de onte presentáronse as principais conclusións daquel evento que o propio concello publicará nun documento dunhas 300 páxinas que estará a disposición pública a través da páxina web municipal. Algunhas das conclusións adiantounas o propio concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, que estivo acompañado pola edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso.
O documento presentado recolle as valoracións de expertos profesionais a nivel mundial. Nuns días o goberno municipal abrirá un concurso público de deseño dos peiraos urbanos que contará cun xurado formado por, entre outros, o rector da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que escollerá cinco proxectos que pasarán a ser avaliados pola propia cidadanía a través da súa exposición na web.