Non hai máis que camiñar en agosto pola zona vella para reparar no evidente: cada vez é máis complicado desprazarse sen esquivar anacos de tartas e ofertas de tours. Onde había droguerías hoxe hai bares de madeira verde pastel; nos noutrora ultramarinos, souvenirs e nas tendas de confeccións, xeaderías con nomes en inglés.
A favor, moitos sabores de xeados; en contra, a vida cotiá das veciñas. Ante este problema, nestes anos debatiuse sobre a taxa turística como primeira medida para corrixilo. Luis Caramés, catedrático de Economía Aplicada da USC, realizaba un informe executivo sobre a taxa turística na cidade, e deixábao claro: “É unha medida apropiada, sempre que se faga de maneira proporcionada, tendo en conta as diferentes tempadas e tipos de aloxamento, utilizando tipos moderados.”
Tamén o doutor en rexeneración urbana Iago Lestegás falaba hai meses nas cámaras de Nós Televisión e consideraba “evidente” a implantación da taxa como “ingreso fundamental”: “Nos últimos anos estamos a ver unha tendencia cara a masificación, sobre todo no centro histórico”, explicaba Lestegás. O goberno anterior de Compostela Aberta apostaba por abrir un debate para a súa implantación, pero a Xunta negouno de raíz.
Onte, Bugallo consideraba “moi difícil” a súa implantación: “Non hai que confundir todo con turismo, hai peregrinos, turistas, excursionistas e visitantes; non é exactamente o mesmo”. O que o concello non negou son os problemas “de conservación, mantemento e limpeza” derivados do exceso de xente en Compostela: “Temos que buscar cal é a forma máis adecuada para resolver eses problemas sen cortar o que máis nos interesa: os peregrinos e o turismo.”
Algunhas das cidades con taxa turística son Porto, Lisboa, Barcelona, Berlín, Colonia, Múnich, Viena, Brujas, Bruselas, Gante ou Edinburgh. En Francia a práctica totalidade de cidades turísticas (49), 31 en Italia ou 20 en Holanda.
Malia que a implantación é sistemática en cidades europeas -en moitos con menor volume turístico que Compostela- e implantala non foi tan difícil, a taxa turística semella descartada co actual goberno local. Nin a masificación, nin o peche de locais tradicionais nin a expulsión dos veciños semella suficiente. Tocará esquivar tartas.