Home Programas Espazo Aberto “Por un 2020 máis diverso e igualitario”

“Por un 2020 máis diverso e igualitario”

0
“Por un 2020 máis diverso e igualitario”
Manifestación do orgullo LGTB na Coruña.
Manifestación do orgullo LGTB na Coruña.

A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia comeza o ano cunha serie de propósitos para un 2020 máis “diverso e igualitario”, tras un 2019 que deixa algunha boa noticia sobre este colectivo, pero tamén retrocesos, como a supresión do protocolo para alumnos transexuais en Castela e León.

A Rede constituíuse en setembro do 2019 para combater desde o profesorado os “prexuízos LGTBIfóbicos existentes e que constitúen a base de condutas discriminatorias que poden culminar en situacións de violencia de xénero, acoso escolar homofóbico e delitos de odio” nas escolas e institutos galegos. Aínda que cada vez se fala máis destas problemáticas, para activistas como Ana Ojea, do Politécnico de Vigo, creouse esta iniciativa porque aínda non se estaba “incluindo a realidade LGTB nos centros de ensino, e é fundamental “unha formación axeitada para o profesorado”.

Aumento do discurso tránsfobo tamén na esquerda.

Para activistas polos dereitos do colectivo LGTBIQ+, no 2019 viviuse un aumento do discurso de odio dirixido particularmente a persoas trans. “Din que a transición é unha decisión e isto implica que nós somos responsables das nosas propias opresións”, denunciaba hai un mes Daniela Ferrández, presidenta de Amizando. “Pero é unha necesidade, a necesidade tan básica de ser. E cal é a súa alternativa? Que voltemos ao armario e desaparezamos?”, denuncia esta activista que ve que nos discursos da esquerda tamén se cola este tipo de pensamento.

E precisamente para evitar estes discursos de odio e conseguir que se apoie a igualdade de todos os colectivos, que a Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ propón: un 2020 “no que a defensa dos DDHH e o respecto sexan inseparables compañeiros de pupitre”, “no que o odio, a intransixencia, o binarismo e o estigma abandonen o sistema educativo”, e “no que xs docentes eduquen á futura cidadanía para que constrúa un mundo máis igualitario, seguro e libre”.