A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defenderá no Parlamento os intereses do concello de Carballo. É ao que se comprometeu na súa visita institucional, a primeira tras o 26M, na que se encontrou co alcalde, tamén nacionalista, Evencio Ferrero.

- Publicidade -

“Os cambios postos en marcha foron moi importantes pero insuficientes, e o BNG traballa xa en novos retos para seguir mellorando este concello, cabeceira de comarca de gran importancia económica e social, co obxectivo de crear e maximizar espazos de oportunidade, mellorando o potencial económico, turístico e social e poñendo en valor a nosa cultura”, salientou Pontón. Para seguir avanzando ao ritmo que os nacionalistas queren para Carballo, Pontón ve na Xunta unha ralentización. “A Xunta non está cumprindo con Carballo”, dixo claramente, “nin un só investimento público para enfocar os retos de futuro”, criticou. “Non se poden obviar por máis tempo as necesidades de Carballo e o que se espera do presidente da Xunta é que deixe de ser unha rémora e sume para contribuír ao avance deste concello”, concluíu.

Neste sentido, avanzou que o BNG vai presentar na Cámara lexislativa unha serie de iniciativas co fin de facer seguimento e presión para que o Goberno de Feijóo cumpra con Carballo, citando dúas prioridades: o inicio da variante polo tramo de acceso ao polígono e a promoción de novo solo empresarial co obxectivo de que teña dotación nos orzamentos de 2020.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego