Só as máis maiores o lembrarán, pero houbo un tempo no que Pontevedra foi unha cidade rodeada por xunqueiras, marismas e mesmo praias. A partir de 1950, un desenvolvemento irresponsable destrozou gran parte da contorna: desde a entrada da ría por Lourizán ata a zona norte de Alba, arrasando entre outras a xunqueira do Cobo ou Ponte Muíños.
Ence, Elnosa, LaCross, Tafisa, o vertedeiro do Borrón e hai non tanto, a construción do Campus da Xunqueira, a autopista ou varios espazos propiedade de institucións públicas. Todo construido tras rechear os humedais, ignorando o acordo Ramsar pola proteccións dos humedais de 1971. A consecuencia da desfeita foi a destrución de diversos ecosistemas vivos, coma o da Xunqueira de Alba. Malia ser o primeiro ENIL declarado en Galicia, hoxe hai cada vez menos aves, tamén debido aos cambios no xeito de vida e dos usos da zona. Alí hoxe hai unha autopista, e os restos dun vertedoiro cheo de residuos contaminantes. Alí xa non pacen as vacas e xa non sobe a marea como fixo durante milleiros de anos.
Con todo, a Deputación de Pontevedra e o Concello son claros na súa intención de recuperar o espazo. O primeiro, trasladar o uso dos espazos das concesións cara outros lugares máis axeitados, como xa orzamentou a Deputación. Desde o Concello de Pontevedra, rexeitar calquera prórroga e un plan para que a Xunqueira de Alba sexa de novo un ecosistema vivo, para desfrutar e aprender.
Falamos con Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural; con Iván Puentes, concelleiro de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible e con César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.