A CIG-Ensino denuncia a perda paulatina do persoal de corpo de mestres como unha das consecuencias que terá no sistema educativo galego a supresión de aulas, tanto en centros completos como en unitarias. O próximo curso 2019/20 comezará co peche de 67 aulas, entre as que se atopan 7 unitarias. O sindicato fai fincapé na provincia de Pontevedra que sufrirá novamente os principais efectos dos recortes de unidades xa que o 60 por cento das aulas pechadas son desta provincia.
“O peche de aulas non se ve compensado pola creación oficial de unidades que, todas elas, xa viñan funcionando: só abren 25”, sosteñen dende o sindicato. “A incidencia das aulas habilitadas, aquelas que non se poden dotar con profesorado definitivo á espera da consolidación da matrícula prevista, ten este curso unha incidencia irrelevante e só serve para edulcorar os fríos datos de eliminación de recursos públicos”.
“A redución de postos de traballo, superior nun 7% á do curso anterior, levará consigo o despedimento de persoal interino e o desprazamento de profesorado definitivo a outros colexios e terá unha especial incidencia na especialidade de Educación Primaria, na que se concentra máis da metade das prazas suprimidas”, denuncian dende a CIG-Ensino que acusan ao Goberno galego de manter unha “hipocresía” co medio rural. “Ao tempo que elimina servizos públicos nas aldeas (…) dáse golpes no peito a falar da desertización no rural”, sosteñen.