Xornada de poesía e lingua con Rosalía de Castro como protagonista. O Día Europeo das Linguas vense celebrando cada ano dende 2001, o 26 de setembro, co obxectivo de poñer en valor o multilingüismo.
Nun acto institucional na Praza das Praterías presentado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, escoitamos poemas de Rosalía en diversas linguas. Entre os participantes no acto estiveron o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices ou Anxo Angueira, poeta e presidente da Fundación Rosalía de Castro, que lembrou o galego falado no Bierzo ou en Cáceres: “Celebremos hoxe as linguas, as linguas grandes e as linguas pequenas. (…) Se xa a situación do galego en Galicia é complicada, nestes territorios aínda o é máis.”
Outra das ideas repetidas unha e outra vez foi a da importancia das linguas e o seu poder para tecer pontes entre culturas diversas. Nesa liña falou Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega: “O galego foi ponte de culturas cara América, onde os nosos emigrantes desempeñaron diversas labores. É algo que cómpre lembrar nestes tempos nos que se volve falar de erguer muros.” Esa foi outras das ideas repetidas na xornada de hoxe: a universalidade dos idiomas e o poder infinito que teñen as linguas, e tamén a poesía: rachar fronteiras.
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio Díaz López, salientou esa capacidade das linguas e lembrou a achega das linguas chegadas polo o Camiño de Santiago para o desenvolvemento da universidade compostelá.
Para finalizar o acto, houbo música de cordas e recitáronse poemas de Rosalía en catalán, xaponés, alemán, persa ou galego. Os idiomas, máis alá da comunicación oral, son patrimonio, coñecemento e ponte entre culturas.