Poesía, a luz apagada? XV simposio de “O Libro e a Lectura”

Os días 15 e 16 de novembro terá lugar o simposio "Poesía, a luz apagada?" da Asociación Galega de Editoras no Consello da Cultura

Asociación Galega de Editoras, xunto co Concello de Santiago, levará a cabo un ano máis o simposio “O libro e a Lectura” coa súa XV edición. En anos anteriores tratáronse temas como “A Lectura: Ler para comprender o mundo” e “O libro ilustrado: outra forma de ler?”. Este ano, o tema principal será o verso, baixo o título “Poesía, a luz apagada'”, que Henrique Alvarellos e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentaron no pazo de Raxoi.

Un debate no que se atopan moitas artes tradicionais: quedou a poesía desbancada do tempo, como algo do pasado, ou tamén pode formar parte do futuro? Un xénero que según Alvarellos está no seu punto máis álxido en Galicia, pero que loita coa crise editorial, económica e sobre todo de lectura que vivimos hoxe en día. A finalidade do proxecto é abrir un lugar de reflexión sobre a poesía, tratando temas como a súa edición e difusión, o cómic poético ou a parte pedagóxica do xénero.

A intención do simposio é clara: abrir un debate e un lugar de reflexión sobre o xénero,e as dificultades que combate actualmente e terá que continuar a facer no futuro. Editores, poetas veteranos e novos poetas, e interpretadores de poesía mediante outras artes serán os encargados de compartir co público as súas experiencias e visións durante dous días. Cabe resaltar que desde a AGE fixeron especial fincapé na figura da muller poeta e galega, e nesta edición estarán “cheos de mulleres premiadas”. Destacan a participación de autoras como Yolanda Castaño, Lara de Pozo, Emma Pedreira… entre outras, así como editoras de gran nivel como Kalandraka ou unha revista bilingüe de recente creación especializada en poesia como é Ligeia. Terá lugar desde as 10 da mañá os días 15 e 16 de novembro no Consello da Cultura, e estará aberto a todos os públicos.

Programa completo

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego