
Unhas 300 persoas asistiron ao Teatro Principal de Compostela á proxección do documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei para Nós Televisión. No acto, nove plataformas medioambientais cidadás escenificaron a súa unión na loita contra as diferentes agresións empresariais no rural e ante a desprotección e falta de control por parte das Aministracións.
Por isto, esixen unha intervención urxente por parte dos axentes responsables para que Galicia deixe de ser “territorio de sacrificio” e se garanta Aire, Auga e Terra limpas para todas. Ao mesmo tempo, pedíronlle aos medios de comunicación e xornalistas que axuden a difundir a verdade para abrir a posibilidade de facerlle fronte como sociedade.
A Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre está formada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola Recuperación do Río Sar, Plataforma Casalonga limpa de residuos, Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes, Non aos parques eólicos na comarca de Oedes, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde, Comisión de seguimento da minaría e defensa do rural Mesía-Frades, Asociación de afectados polo vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos as fragas de Catasós.
O documental presentado na capital galega continuará o seu periplo por salas e centros de toda Galicia. Co obxectivo de que o maior número de persoas poida visionalo e reflexionar sobre o perigo ao que se está sometendo a nosa comunidade, tamén poden atopalo na nosa páxina web.