Este mércores a plataforma cidadá Auga Limpa Xa recollía sinaturas contra a instalación de novas granxas industriais e para informar sobre a contraminación das augas polos residuos da industria cárnica. “Case ninguén se atreve a beber auga da billa, nin para cociñar, e menos dos pozos, a inmensa maioría superan os 50 miligramos de nitratos, que é o límite permitido pola Unión Europea”, denuncian desde a plataforma.
Hoxe sufrimos insultos e ameazas dun cento de persoas organizadas cando o único que faciamos era recoller sinaturas para pedir a obrigada xestión dos residuos da industria cárnica que contaminan as nosas augas.
Aquí o noso comunicado ??#AugaLimpaXa pic.twitter.com/NVy0hKIewP— Plataforma Auga limpa xa! (@AugaLimpa) August 14, 2019
Nun comunicado, Auga Limpa Xa explica que todo estaba a transcorrer con normalidade ata que pasado o mediodía, serían agredidos por ao redor dun cento de persoas: “Achegáronse a nós con insultos, ameazas e coaccións, acorralándonos contra a parede a codazos e obrigándonos a recoller todo e marchar.”
Desde Auga limpa Xa afirman que se trata dunha “demostración de forza intolerable organizada, como temos coñecemento e probas, dende hai días por Adegal” (Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia). Desde esta asociación, deféndense alegando que a plataforma cidadá non tiña permiso para colocar a mesa informativa, feito que denunciou ante a Garda Civil.
Antes do incidente, ambas organizacións, Coren e a administración estaban a manter conversas sobre asuntos como a xestión de residuos da industria cárnica ou a instalación de novas granxas industriais, mais desde Auga Limpa estudan “rachar esas negociacións.”
O Conselleiro do Medio Rural da Xunta condenou o escrache a través de Twitter:
A miña condena absoluta a calquera tipo de violencia, física ou verbal, cara a liberdade de exercicio desta organización na súa actividade de carácter pacifista. Como sociedade debemos protexer con convicción o dereito a expresarse libre e pacificamente a quen opina diferente. https://t.co/ZX9vUuKnQ1
— José González Vázquez (@josegonzalezCMR) August 15, 2019