Pecha Meirama. E agora, que?

A posibilidade de pasar dun sistema altamente contaminante a outro mantén en alerta ao movemento ecoloxista da comarca

A nova sobre o peche da central térmica de Meirama é ben recibida, pero deixa moitas dúbidas no aire. Os máis afectados, os veciños e veciñas da comarca de Ordes, continuan á espera de respostas positivas que parecen non chegan. Naturgy propuxo invertir no emplazamento dunha planta de biogás nas actuais instalacións, pero como explican desde a plataforma Salvemos a comarca de Ordes, o remedio pode ser igual de malo que a enfermidade.

“Sería moi lamentable que despois de 40 anos da loita das Encrobas, os veciños e veciñas teñamos que volver coller os apeiros de labranza na man para defender de novo as nosas terras e o dereito a unha vida digna” resaltan desde a plataforma unitaria que acolle as entidades e organizacións ecoloxistas da comarca.

A plataforma Salvemos a Comarca de Ordes alerta sobre a intención de Nartugy de instalar unha planta de biogás en Meirama por ser igual de contaminante. As plantas de biogás funcionan queimando biomasa de xeito controlado, neste caso, “residuos gandeiros, de depuradoras e materia orgánica industrial” como explica un voceiro da plataforma. “É preocupante porque este tipo de actividade xera vectores altamente contaminantes e de transmisión de enfermidades“, continúa.

Ademais, chaman a atención sobre o feito de que “todas as actividades que se levan emprendido no Concello de Cerceda nos últimos anos abranguen máis de 9 millóns de metros cadrados de actividades altamente contaminantes“. Entenden que tanto a Administración como as empresas responsables “deberían ter unha actuación e inversión acorde aos danos producidos“.

E todo isto, nunha comarca abarrotada de industrias e proxectos perniciosos para o medio ambiente. A denuncia contra a expansión sen límite da industria na comarca de Ordes leva meses en auxe e prometen, xa que logo, unha nova revolución pola supervivencia da comarca corenta anos despois da revolta labrega nas Encrobas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego