A presentación o pasado martes do informe técnico polo arquitecto municipal de Teo en relación ao proxecto dunha planta de residuos en Casalonga (Teo) por parte da empresa Toysal e as declaracións onte da Plataforma veciñal contra esta instalación puxeron o punto de mira na resposta do goberno galego á resolución do expediente que podería impedir definitivamente a súa instalación neste municipio. Preguntada por Nós Televisión, Paula Prado, vicevoceira do Grupo do Partido Popular no Parlamento galego, afirma que actuarán en consecuencia.
Críticas contra Rafa Sisto
Malia todo, a dirixente do PP critica as “demoras” por parte do Concello de Teo á hora de presentar este informe negativo á realización deste megaproxecto de Toysal; crítica similar á manifestada por parte do grupo local do PP á hora de sinalar a Rafa Sisto como responsable de “enganar” á veciñanza sobre a capacidade real do Concello para frear o proxecto.
Aínda así explica que agora será traballo das e dos funcionarios do departamento correspondente pechar o expediente na Xunta de Galicia.