‘Paraíso Roubado’ emitirase hoxe ás 21.30h no Youtube de Nós Televisión dentro das accións do Movemento Galego polo Clima

O director da cinta, Lukas Santiago, ten afirmado que sempre concebíu este documental como o primeiro dunha triloxía

O documental Paraíso Roubado emitirase esta noite, ás 21.30 horas, en directo e en aberto na canle de Youtube de Nós Televisión dentro das palestras organizadas esta semana polo Movemento Galego polo Clima.

‘Paraíso Roubado’

Este documental foi estreado en 2017, con grande éxito de público malia contar cunha discreta distribución. O director da cinta, Lukas Santiago, ten afirmado que sempre concebíu este documental como o primeiro dunha triloxía: “Desgrazadamente, Lourizán sufriu tantas agresións importantes nas últimas décadas e hai tantas cousas que contar, que sempre tiven claro que un documental non daba para contalas todas. Esta é, por dicilo así, a primeira parte dunha triloxía, que vai desde o momento de esplendor da miña parroquia, a finais do sec. XIX e principios do sec. XX, ata “o inicio do fin”, o punto de inflexión hacia a súa destrución que supuxo a instalación da fábrica de celulosa”.

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) financiou esta cinta para reivindicar que a oposición social a Ence, que levan liderando máis de 30 anos, en realidade viña de moi atrás, de antes mesmo da existencia da propia fábrica. A súa orixe está na loita que mantivo a xente do mar, especialmente a veciñanza de Lourizán, contra a súa instalación, ao ver en perigo o seu ancestral modo de vida.

Santiago tamén quixo destacar que “esta loita foi unha loita en feminino, protagonizada por mulleres. Este episodio, o dunhas mariscadoras que se enfrontaron á represión militar durante a ditadura franquista na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, é un episodio bastante descoñecido da nosa historia recente e que merecía ser rescatado e divulgado”.

Por último, o director ofrécenos as claves deste traballo: “O que destacaría deste documental é que é en si mesmo un exercicio de memoria histórica. Quixen darlle a voz ás mulleres de Lourizán que viviron en primeira persoa aqueles acontecementos. Quería que se escoitase o que viviron e o que sentiron ao ver como lles roubaban o seu paraíso e destruían o seu medio de vida. Voces que nunca se escoitaran pero que tiñan un testemuño de grande interese. Baseime en entrevistas que foran realizadas entre 2007 e 2011. Algunhas destas persoas xa morreron a día de hoxe, polo que o seu testemuño adquire, se cabe, maior valor documental”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego