“Carlos Casares: homenaxe. De amicitia”, é o volume dedicado a afondar na figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas dentro da colección dos Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación presentouse no Pazo de San Roque e nela participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o fillo do autor e administrador do Padroado da Fundación Carlos Casares, Häkan Casares Berg; o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario de Cultura, Anxo Lorenzo; o coordinador científico do CRPIH, Manuel González; e os coordinadores da obra, Xosé Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.
Un traballo “xeneroso” do Centro Ramón Piñeiro
No acto Román Rodríguez agradeceu o traballo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) neste XXXVII volume, así como o de todos os autores colaboradores “que xenerosamente nos brindaron os seus coñecementos sobre o escritor, a quen homenaxean coas súas achegas”. O volume dá a coñecer unha estreita correspondencia de 46 cartas que constitúen, segundo o conselleiro, “unha fonte preciosa de información sobre a vida cultural da época que ambos compartiron” e recordou que “o autor ourensán foi un dos amigos máis fieis de Piñeiro e quen asumiu a tarefa de continuar no plano institucional o labor que o de Láncara exercera coa chegada da democracia”.