O empresario Villar Mir non será investigado polo de agora no Parlamento galego. Os votos do PP na cámara galega chegaron para, entre outros temas, salvar unha hipotética presenza do propietario da antiga Ferroatlántica explicando no Pazo do Hórreo porque realizou unha xenerosa doazón á Fundación Manuel Fraga Iribarne. O debate parlamentario xirou en torno ao que agora mesmo preocupa máis á poboación: a corrupción.

- Publicidade -

Luís Villares: “Só hai un partido imputado por delitos de corrupción: o Partido Popular”

O portavoz de EnMarea, Luís Villares, argumentou que a comisión é necesaria para non ter dúbidas do que está a acontecer e acusou ao PP de ser un partido relacionado coa corrupción.

Pola súa banda, a voceira do Bloque no Parlamento Galego, Ana Pontón, incidiu nesta idea ao apoiar a creación dunha comisión de investigación.

Na quenda do PSdeG falou o deputado Juán Díaz Villoslada, quen, logo de mostrar a súa disconformidade polo “rigor” da proposta, enumerou os casos de corrupción relacionados con casos semellantes nos últimos anos.

A posición contraria á creación desta comisión de investigación defendeuna a deputada do PpdeG, Paula Prado. Nun discurso incendiario botou man da defensa da propiedade privada e ata de Venezuela para rematar asegurando o voto en contra por non contar con indicios que leven a pensar que o empresario Villar Mir cometera algunha irregularidade en Galiza.

A votación final, cos votos contrarios do PP, serviu para vetar a petición mais abre a posibilidade de que os tres grupos da oposición podan constituila se reúnen o apoio de 30 deputados da cámara.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego