Os últimos festivais do verán

Jazz de Ría (Ferrol), Revenidas (Vilaxoán de Arousa, Vilagarcía de Arousa), Irmandiño (Moeche), Armadiña Rock (Combarro, Poio) e Entre Bateas (A Pobra do Caramiñal) son algúns dos encontros musicais para rematar agosto

A segunda quincena de agosto conta cunha boa programación de festivais para apurar as vacacións (para aquelas persoas que as teñan) ou para deixar de lado o traballo por unhas horas se non contamos con elas.

Igual que no mes de xullo Galiza ten corazón musical desde o mar á montaña mais é na costa galega onde abondan os encontros festivaleiros. Proba disto son os que teñen lugar en Ferrol e Mugardos, Vilaxoán de Arousa (Vilagarcía de Arousa), Combarro (Poio) e A Pobra do Caramiñal.

En Ferrol e Mugardos do 13 ao 19 de agosto terá lugar o II Festival Jazz de Ría que nesta edición conta cun espectacular cartel, entre outras, coas actuacións de Abe rábade Trío, Eva Fernández e Simón García Quartet. Ademais da propia música a singularidade deste encontro radica nos propios espazos onte terá lugar: o Castelo de San Felipe, a praza Vella ou o Cantón de Cora Mugardés.

Se estades polo Morrazo unha das citas que non debedes perder é o XIX Festival Folc Vilariño (Cangas). Este ano terá lugar o 18 de agosto ás 22 h. e actuarán Habelas Hainas, Korrontzi, Eskorzo e Banda Xangai.

Se buscamos un festival máis veterano e noutra onda teremos que desprazarnos ata Vilaxoán de Arousa (Vilagarcía de Arousa) para gozar do Revenidas, un evento que vai pola 15º Edición e que este ano conta con bandas como The Dawlins, Tremenda Jauría, El Diluvi, Dakidarría, Soziedad Alkoholika, The Real MCKenzies, Balkan Bomba, Russkaja, Auxili, Ayax, Prok, High Paw, Joan Garriga ou Keltoi!A cita será os días 17, 18 e 19 de agosto.

Diante dunha ría, desta vez a de Pontevedra, ten lugar o Festival Armadiña Rock que se celebrará os días 24, 25 e 26 de agosto en Combarro. No cartel de grupos nomes como Heredeiros da Crus, Def con dos, Noite Fechada, Talco, Ruxe ruxe, Bala, Lakazans e Sés. A Praza da Chousa é o epicentro deste encontro musical que ademais tamén conta con varios espazos para conferencias e obradoiros.

E para rematar cos festivais de costa non podía faltar o Entre Bateas que acolle a Pobra do Caramiñal do 31 de agosto ao 1 de setembro. Alí actuarán o 31 de agosto os grupos Narco, Trallery, Golpe Radikal e Rorshack. Para o sábado 1 de setembro teñen previsto desenbarcar Def Con Dos, Bellako, Meltdown e Whipping the Clown.

Se falamos de festivais do interior, aínda que non moi lonxe do mar, un dos que podemos salientar é o Irmandiño (Moeche) que terá lugar entre o 17 e o 19 de agosto. Ademais de participar no Asalto ao castelo (versión infantil ou adulta) este ano contarán coas actuacións de Tanxugueiras, Kepa Junkera, El Diluvi e Ruxe Ruxe, entre outros.

En todo caso a música non para no noso país e para setembro xa quentan motores outros encontros musicais como o Festival da Luz, o Arteficial ou o Freixo Rock.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego