
O próximo 24 de abril as traballadoras de SEAGA sairán ás rúas de Compostela para pedir que se modifique o decreto de listas e así pertencer aos servizos da Xunta.
Actualmente hai cincocentas traballadoras excluídas da próxima campaña de extinción de lumes. Ademais, enfróntanse a outro problema: pese a pertencer a unha empresa pública dependente da Consellaría de Medio Rural non poden computar a súa experiencia laboral, que ronda entre os dez e os doce anos.
Dende o SEAGA piden respostas inmediatas para que polo menos unha parte das traballadoras poidan incorporarse á próxima campaña de extinción. De non conseguir solucións, manterán en pé a manifestación do próximo 24 de abril, que sairá da Praza Roxa e rematará o percorrido na Xunta.