Home Programas Espazo Aberto As centrais sindicais vinculan a baixada do paro cunha alta suba da “precariedade laboral”

As centrais sindicais vinculan a baixada do paro cunha alta suba da “precariedade laboral”

0
As centrais sindicais vinculan a baixada do paro cunha alta suba da “precariedade laboral”

Os sindicatos CIG e Comisións Obreiras apuntan directamente á “precariedade laboral” como a marca esencial dos datos do paro que se deron a coñecer este martes. O mes de xuño rematou con 155.249 persoas rexistradas como paradas no SEPE, un 3,46% menos que no mes de maio. No relativo aos datos de afiliación á Seguridade Social, incrementouse nun 0.7%, seguindo a tendencia de anos anteriores nesta época, acadándose as 1.025.192 persoas afiliadas.

En total foron 98.785 contratos asinados malia que a baixada do desemprego foi de 5.556 persoas. “Esta brutal disparidade dá boa conta do alcance da temporalidade e da mala calidade do emprego que se está a xerar, puramente estacional, con baixos salarios, de escasísima duración e na maioría dos casos ligado ao sector servizos”, sosteñen dende a CIG. Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou a necesidade de derrogar de inmediato as reformas antiobreiras “porque cada día que sigan en vigor estenderase máis entre a clase traballadora galega a precariedade, a pobreza laboral, os baixos salarios e a perda de poder adquisitivo”.

“Con este modelo de contratación, dificilmente podemos dicir que Galicia estea a crear emprego”, sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. “A precariedade aumenta mes a mes e concéntrase no sector dos servizos”, reprocha Bouza. Na súa opinión, os postos de traballo creados no último mes, polo seu carácter precario, “mal se poden chamar emprego, porque emprego é algo que permite crear un proxecto de vida digno”. Segundo a sindicalista, se a Xunta non toma medidas e continúa a dar por boa esta situación, “Galicia será máis pobre e medrará a Galicia exterior”.