Máis voces pedindo á Xunta que non autorice a venda de POVISA a Ribera Salud (Centene Corporation) e que exerza o seu dereito a compra, como xa fixeran as seccións sindicais no hospital. Para Manuel Martín, activista pola sanidade pública, o prezo da venda, duns 22 millóns de euros, é moi baixo e asumible pola Xunta: “Non sabemos se este agasallo vai acompañado doutras compensacións, dado ao descoñecerse os termos do contrato.” Neste sentido, a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública xa desconfiaba: “Resulta rechamante que unha empresa multinacional adquira un hospital con perdas millonarias.”
Martín advirte de que Centene quere mudar o modelo sanitario e “incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado o enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de POVISA” e conclúe que “Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear á administración”. Detrás desta lóxica, considera que é “previsible” que adopten medidas para “manter o negocio”. A primeira, sería un ERE que reduza o persoal e recorte as súas condicións laborais. En Alzira (cando estaba en mans de Ribera Salud) o soldo dos traballadores era un 15% máis baixo que o dos traballadores públicos traballando 200 horas máis ao ano.
“Parece máis que razoable que o SERGAS non debería autorizar a venda e exercer o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública de Vigo”
Outra ameaza tamén para os fondos públicos, xa que POVISA acostuma a obter diñeiro público declarando dificultades económicas: explica Manuel Martín que xa o fixeron nos 80 ou no concerto de 1996 que incluía un fondo de reserva para actividade asistencial que sobredimensionou a súa facturación. Hai máis exemplos: o último en 2018 cando ameazaba cun concurso de acreedores por perdas de 7 millóns de euros: “alcanzou un acordo polo cal a Administración autonómica asumiu o custo das medicacións. O Consello de Contas estimou que eses cambios no concerto farán que POVISA ingrese cada ano entre 3,5 e 4,5 millóns de euros máis”.
Desde a AGDSP, tamén apuntaban a outra motivación, sen desbotar as anteriores: “que o SERGAS lles prometera novas e importantes melloras no Concerto Singular.”
Por todos estes motivos, a AGDSP esixía que “a Xunta rescate este hospital para a sanidade pública como fixo o Goberno Valenciano co Hospital de Alzira”. Lembra Martín que tamén que “é posible integrar ao persoal de POVISA na sanidade pública”, como se fixo na reversión de Alzira, vía decreto en 2017, garantindo as condicións do persoal.
O caso de Alzira: a proba de que Centene “non é de fiar”
A aseguradora estadounidense Centene é propietaria de Ribera Salud, á súa vez propietaria do Hospital de Alzira. A Conselleria de Sanitat Valencia detectou “sobrecustos de 2,6 millóns de irregularidades no a atención de urxencias por facturas inchadas e dobre facturación.”
Por este motivo, a Fiscalía Provincial de Valencia solicitou a imputación de directivos de compañía por compra de comisións de material sanitario dos seus proveedores, constituindo para a xustiza un presunto delito de malversación de fondos públicos e malversación.