“O pasado día 30 de xaneiro outro paciente grave de 84 anos con pluripatoloxía faleceu no corredor de acceso dos servizos de urxencias do CHUS despois de permanecer unha hora colocado nunha padiola e percatarse una acompañante que deixara de respirar”. Así o denuncian dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e tamén dende o sindicado médico O’Mega que contabilizan 6 mortes nos corredores de urxencias do hospital Clínico de Santiago dende o 2011.

- Publicidade -

“Ata cando se vai seguir vulnerando o noso dereito fundamental á dignidade?”, láiase o colectivo de pacientes. O sindicato tamén fai fincapé en como esta morte nos corredores do hospital se produce nunha contorna que atenta contra a dignidade da persoa e das súas achegadas. “Cada vez que un paciente falece nunha padiola no corredor de acceso se lle está expropiando o dereito a morrer con privacidade ao lado das persoas mais próximas e se está expoñendo ante os demais un trace esencial da vida de debe ser vivido en condicións de intimidade. Estamos polo tanto ante unha vulneración total e plena dun dereito esencial sobre o que se constrúe a convivencia pacifica en sociedade”, destaca a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS.

No Pazo do Hórreo, a nacionalista Olalla Rodil tamén lle lembraba ao presidente da Xunta a súa política “de acoso e derribo” no eido sanitario. “Os recortes matan, señor Feijóo”, espetáballe.

Horas antes, a deputada Eva Solla tamén denunciaba os recortes na atención sanitaria do goberno actual da Xunta. Neste sentido, chamaba a participar da gran mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para este 9 de febreiro e que sairá ás 12 horas dende o parque da Alameda de Compostela.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego