
En maio o goberno municipal presentou a campaña de orzamentos participativos En Ames participamos e decidimos no noso concello!, a través da cal os veciños e veciñas amesáns puideron decidir os investimentos que se farán no rural durante este ano 2017.
Foi a primeira vez que se puxo en marcha esta iniciativa de participación aberta, que estivo promovida dende a Concellaría de Economía e Facenda. O goberno municipal realizou xuntanzas nas distintas parroquias para informar de dita campaña e animar ás asociacións de veciños/as a presentar propostas.
En total, realizáronse 14 xuntanzas veciñais nas 11 parroquias do municipio. A estas xuntanzas acudiron máis de 200 veciños e veciñas. Unha vez finalizados entres encontros coa veciñanza dende o goberno municipal fíxose un balance moi positivo pola alta participación de veciños/as e polo de debate creado sobre a iniciativa de orzamentos participativos. Ademais, estas xuntanzas serviron para que os participantes lle trasladaran ao goberno as primeiras demandas e lles falaran das necesidades de actuacións no rural.
Comisión de Orzamentos
Unha vez pechado o prazo de presentación de propostas, constituíuse a Comisión de Orzamentos Participativos, na que participaron representantes das parroquias de Ameixenda, Covas, Trasmonte, Bugallido, Piñeiro, Ortoño, Lens, Tapia e Biduido e membros do goberno de Ames. Esta comisión foi a encargada de valorar as 187 propostas e seleccionar as 22 actuacións que se executarán.
Aprobadas 22 propostas
A comisión de Orzamentos Participativos vén de aprobar por unanimidade a relación definitiva que recolle 22 actuacións que se executarán nas parroquias da Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Nesta xuntanza, na que participaron os representantes das distintas parroquias e membros do goberno municipal, presentouse a valoración económica das 28 propostas provisionais elixidas. No proceso de orzamentos participativos presentáronse 186 propostas por parte das asociacións de veciños/as. Ademais, hai que engadir a proposta feita polo goberno municipal, para a adquisición dunha retroescavadora de segunda man, polo que en total foron 187.