A terceira edición dos Premios Youtubeir@s contou coa participación de 252 vídeos que apostaron polo galego nesta rede social dos que 27 serán os apirantes aos galardóns que se repartirán este venres 29 de novembro. A actriz Patricia de Lorenzo será a encargada de conducir a cerimonia para a que se transformará en Isuaria, a súa coñecida personaxe na peza teatral ‘Fillas Bravas’ do Grupo Chévere. A música correrá a cargo deManu TF mentres que Iria Faifán elaborará en directo un gran graffiti para celebrar a final desta terceira edición dos Premios Youtubeir@s, unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo xunto as universidades da Coruña, Compostela e Vigo xunto a Deputación da Coruña.
A gala xirará arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadoras dixitais galegas polo que o lema da convocatoria é ‘Conéctate á comunidade e multiplícate’. Grazas a esta iniciativa, máis de 1.000 minutos de vídeos en galego encheron este ano a rede social de Youtube.