Compostela é unha das cidades galegas que conta con máis espazos verdes. San Domingos de Bonaval, Belvís, Eugenio Granell, a Alameda… Todos eles compoñen o itinerario dos protagonistas do último conto infantil de Paco López-Barxas, “Nemo e Sabela polos parques de Compostela”.
Sabela é unha gata que coñece moitas historias da cidade compostelá, e decide contarllas ó seu irmán Nemo ao longo dunha viaxe polos parques máis emblemáticos.
A obra de López-Barxas tenta que o público adulto acompañe tamén a Nemo e Sabela na súa andaina. Con todo, se algo caracteriza especialmente a este conto son as súas ilustracións. A debuxante Isabel Pintado amosa nas páxinas deste conto toda a beleza e misticidade dos parques composteláns.
O vindeiro sábado 2 de decembro, o autor lerá o seu libro en El Corte Inglés de Santiago de Compostela, nunha sesión de contacontos que comezará ás 18.00 horas.