Negativa rotunda do grupo socialista para a proposta dos orzamentos municipais da Coruña para o 2019. A catro meses das eleccións locais, A Coruña vivirá a mesma situación de bloqueo dos orzamentos municipais tal e como xa sucedeu na capital do País. O PSOE dixo non e iso xa é suficiente.
O grupo socialista xa anunciou o seu non “rotundo” ao borrador presentado polo goberno local o que, de facto, impedirá que esta proposta poida saír adiante. Así o anunciou esta mañá a candidata á alcaldía da Coruña por parte do PSOE, Inés Rey, xunto con parte do grupo municipal.
⛔️⚠️ Los #socialistascoruña #DecimosNoALosPresupuestosdeMarea porque han demostrado se incapaces de gestionar la ciudad. #Coruña merece un gobierno, Coruña merece una #IzquierdaÚtil
— PSOE A Coruña /❤️ (@PSOE_Coruna) January 17, 2019
Pola súa banda, Xulio Ferreiro tamén considerou ao longo desta mañá que o Partido Socialista “fixo perder á cidade un tempo valioso”, tras manter negociacións durante os últimos tres meses, e lembra que este grupo municipal ten “unha oportunidade para rectificar” na votación da Cámara. Ademais, tamén anunciou que o Goberno local continuará agora co procedemento ordinario e aprobará os orzamentos a vindeira semana na Xunta de Goberno para levalos axiña a Pleno ante a negativa do PSOE a acordar o proxecto, o que supón “o segundo erro dos socialistas coa Coruña nunha semana”
Ferreiro considerou que os orzamentos que vai presentar o Goberno local son as contas que “a cidade precisa neste momento”, e que “falan unha vez máis de incremento no benestar das persoas e políticas activas de emprego”. “O Concello da Coruña incrementou progresivamente nestes catro anos o gasto social, somos o concello de Galicia co maior gasto social por habitante”, lembrou.
Ferreiro explicou que, cuns orzamentos prorrogados, non se podería estender o gasto de 25 millóns de investimentos e achacou a un “descoñecemento da realidade municipal pensar que a través dun modificativo se poden sacar 25 millóns de euros de gasto comprometido”. Ao fío, o alcalde quixo aclarar que, se non é posible aprobar a proposta do Goberno local para os orzamentos, realizaríase un modificativo para “atender ás entidades sociais”.