“Os medios convencionais invisibilizan a realidade dos grupos máis vulnerábeis”

Primeiros datos do proxecto “Círculos de Lectura. Unha Crítica social dos medios de Comunicación” que xa recibiu críticas por parte da prensa máis reaccionaria

A partir dun proxecto de investigación no seo da USC e grazas ás achegas da Unión Europea e do Concello de Santiago a través dos Orzamentos Participativos, púxose en marcha hai pouco un observatorio de comunicación cidadá que, a partires da creación de círculos de lectura, analiza os contidos dos medios de comunicación en relación a certas temáticas sensibles. Nel repásanse os contidos relacionados coas mulleres, migrantes, persoas con diversidade funcional ou mozos e mozas.

Constatan o mantemento da publicidade sexista e a continuidade de anuncios de prostitución na prensa galega

Aínda que levan poucos días de traballo, desde o colectivo xa atoparon elementos significativos no tratamento informativo destes temas. “Existe unha linguaxe sexista e non inclusiva e continúan, por exemplo, os anuncios de prostitución”, explica Luís Ogando, un dos seus promotores. “Cando se fala da mocidade universitaria sempre é en negativo con novas como o botellón, poucas veces para salientar aspectos positivos”.

Un panorama mediático “viciado”

O primeiro día da presentación deste proxecto universitario xa recibiu as críticas de El Correo Gallego ou de OkDiario acusándoos de querer “controlar os medios”. Ogando pensa que o panorama de medios de comunicación en Galicia “está viciado polas axudas que reciben e entrar en dinámicas de poder que son perigosas”. Por outro lado observa que os medios tradicionais “non se abren á sociedade” e por este motivo “perden audiencia que gañan outros medios novos”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego