Logo das denuncias ante os medios, a Asemblea de Investigadoras de Compostela leva as súas demandas á rúa para acabar coa situación de precarización e discriminación salarial. Aseguran que as excusas da USC non son certas, e que ata que comezaron a mobilizarse non recibiron resposta máis alá das promesas na campaña electoral.
Parte do persoal investigador cobra ata 1.000 euros menos por estar contratado a cargo de convocatorias públicas, que como nos explican non está realmente xustificado. Ademais, esta é a mesma excusa que lles da a USC para non aplicarlles as subidas salariais, a pesar de enriquecerse á costa do persoal investigador contratado (recibiu 1.3 millóns de euros en 2017 polo indicador de captación de talento). Agora están pendentes dunha reunión coa Reitoría para negociar unha solución.
Apoios
A AIC xa mantivo reunións cos catro sindicatos maioritarios (CCOO, CIG, CSI-F e UGT) que apoian a súas demandas ao “consideralas lóxicas”, como explican dende a Asemblea. Tamén Esquerda Unida se manifestou a favor das mobilizacións e a prol da dignidade investigadra e docente, entendendo que a precarización do traballo só xera a necesidade de emigrar.