“O máis probable é que nos atopemos ano tras ano con estas situacións”, con estas verbas Miguel Pardellas, membro do Grupo de Investigación SEPA de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, fai referencia á vaga de incendios que está a asolar Galicia. “Isto vai ir a peor”, engade.
O inverno particularmente seco e cálido deste ano ten moito que ver na facilidade coa que están a arder os nosos montes, e Pardellas alerta de que “o cambio climático xa está aquí, e compre poñerse a buscar altenativas e non seguir agardando a que o tempo acompañe”. Neste eido, a ordenación do conxunto do rural e dos terreos forestais “van xogar un papel moi imparte”, explica, “pero estamos falando tamén de organización urbanística e dunha mellor organiación dos propios sistemas de extinción“.
Asemade, a sospeita de que parte dos focos nos que comezaron os incendios foron provocados está bastante extendida, e é que moitos producíronse á vez ou de noite. Algo polo que para Pardellas o máis importante “é atopar a implicación dos veciños e veciñas” así como fomentar “a prevención activa por parte da cidadanía e non soamente dos corpos autonómicos”.
“Bravas fronte ao cambio climático”
No marco do proxecto “Descarboniza! Que non é pouco”, no que participan o propio SEPA e a concellaría de Medio Ambiente e Convivencia de Compostela, celebrarase un evento protagonizado polas Fillas Bravas, personaxes levados a cabo pola compañía de teatro Chévere.
O espectáculo “Bravas fronte ao cambio climático”, que contará tamén coa participación do contacontos Celso F. Sanmartín, celebrarase no Teatro Principal o vindeiro 10 de abril. O espectáculo será de balde e os convites para asistir poderanse retirar a partir do día 2 na billeteira.