A artista e pedagoga Estíbaliz Veiga presentará este xoves no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas ‘Os golpes non son o que máis cicatriz deixa‘, unha proposta interactiva que ten como público obxectivo á mocidade. A finalidade desta acción é ampliar o (re)coñecemento das violencias machistas na nosa vida cotiá.
A concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, congregará ao alumnado de secundaria este xoves día 9 no auditorio municipal para presentar xunto ao alcalde Xosé Represas e á deputada provincial de Igualdade Isaura Abelairas esta acción escénica colaborativa. Esta iniciativa desenvólvese dentro do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”, que se estreou en novembro.
Quen é Estíbaliz Veiga?
Estíbaliz Veiga é presentadora, actriz, escritora de guións e pedagoga teatral, e actualmente presenta o programa Un país en 360 e está de xira con Golpes, un monólogo sobre a violencia machista baseado en feitos reais. Diplomada en Pedagoxía Teatral pola Universidade da Coruña, tamén traballa impartíndolle clases de cinema e intelixencia emocional a alumnado de altas capacidades na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, participou en series de gran audiencia e en cinema, tanto a nivel autonómico coma estatal.
Que é o programa “Mulleres en acción. Violencia zero”?
“Mulleres en acción. Violencia zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición comezou en novembro de 2019 e, coma a anterior, desenvolverase en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).