Unha das maiores tramas de corrupción do Estado español, o coñecido como ‘caso Gürtel’, está a situar ao PP nunha situación crítica. A sentenza da Audiencia Nacional desminte o relato de Mariano Rajoy, acredita a existencia dunha caixa ‘B’ en ‘Xénova’ e condena a un total 371 anos de cárcere aos principais implicados. Alén diso, multa ao propio Partido Popular como “partícipe a título lucrativo”.
En consecuencia, o PSOE anunciou este venres unha moción de censura contra o actual Goberno, unha decisión considerada “moi necesaria” por Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do grupo socialista no Parlamento de Galicia. As reaccións sucedéronse ao longo deste día por parte dos demais partidos da oposición, tamén no Parlamento galego. O voceiro de En Marea, Luís Villares, define ao PP como un “barco pirata” no que “todos son responsábeis” do acontecido.
Martiño Noriega: “Xa non vale o relato dos casos illados; a corrupción é troncal”
Unha das persoas xulgadas na causa foi Pablo Crespo, antigo secretario de organización do partido en Galicia. Para Rubén Cela, concelleiro do BNG en Santiago, isto evidencia as “ramificacións” dunha trama que “non se reduce a Madrid e Valencia”. Tamén o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quixo pronunciarse hoxe ao respecto, considerando que xa non é “creíbel” o “relato dos casos illados”, xa que a corrupción é “troncal”.
Pola súa banda, Ciudadanos non votará a favor da moción de censura e pide ao Goberno que convoque eleccións anticipadas, namentres dende o PP acusan a Pedro Sánchez de actuar dun xeito “interesado”.