
As palabras de Alberto Núñez Feijóo durante a sesión de control parlamentario nas que asegurara que “a Xunta fai a política contra a pobreza que non fan os alcaldes das mareas” causaron indignación en varios municipios.
En Compostela a concelleira de Asuntos Sociais, Concha Fernández, quixo responder ao responsable do executivo galego e afirmou que “os concellos cubren os servizos que a Xunta non atende”.
A concelleira explicou que é a institución autonómica a que ten a maior parte das competencias nese ámbito. “Temos un exemplo no parque de vivenda pública do que aínda non temos datos malia que os solicitamos en varias ocasións”.
Os concellos con menos recursos
Concha Fernández explica que unha parte dos concellos gobernados polas mareas teñen “a sorte” de ser grandes mais o panorama é moi diferente no rural. “A maior parte dos municipios non teñen capacidade de asumir estes gastos e estamos atendendo competencias onde non chega a Xunta”.
A concelleira compostelá critica que a propia Xunta non atende como é debido servizos nos que ten todas as competencias. “Aquí en Santiago, por exemplo, ten colapsado o servizo de urxencias cunha folga convocada ou ten sen atender as citas de pediatria no Centro de Saúde de Conxo”.