Home Programas Espazo Aberto Os Círculos de Podemos piden máis comunicación coa vindeira dirección

Os Círculos de Podemos piden máis comunicación coa vindeira dirección

0
Os Círculos de Podemos piden máis comunicación coa vindeira dirección

As actuais primarias para decidir a futura dirección de Podemos Galicia están a poñer o foco nas dúas candidaturas que se presentan. Por un lado a de Antón Gómez-Reino, que conta co apoio da dirección estatal desta formación, e por outro a de Carolina Bescansa, que conta co apoio da direccción galega saínte.

Nós Televisión quixo adentrarse na opinión dos Círculos e achegouse a eles para falar con membros de Compostela e Ames. Conversamos con Marisa Dominguez, catedrática de Filosofía xubilada, Manuel López, xornalista, e Genma Otero, economista e concelleira de Economía e Facenda de Ames.

Que opinan os círculos?

Podemos Galicia xa non é unha formación política nova e ten unha traxectoria non menor. Nos circulos faise balance destes anos e son, en parte, críticos coa súa propia actuación. Que opinan do pasado máis recente?

Para Manuel López estes anos houbo certo “abandono dos círculos” por parte da dirección saínte e explica que eles foron os que “ solicitaron a convocatoria desta asemblea cidadá”. Marisa Dominguez recoñece que leva pouco tempo en contacto co seu circulo e que non pode opinar desta cuestión. Quen si opinou foi Genma Otero quen salientou que “Podemos xa non é un partido novo” e que hai que “ser autocríticos para mirar cara o futuro”. Recoñece “diferentes sensibilidades” e aposta pola transformación nun partido político aínda que continúen as colaboracións co resto de confluencias.

Os círculos son movementos veciñais e deberían terse en conta

E ollando cara o futuro envían unha mensaxe á candidatura que gañe as primarias e dirixa Podemos Galicia nos vindeiros anos. Os tres coinciden en que ten que mellorar a comunicación e darlle máis protagonismo aos círculos. Manuel López pon algúns exemplos do que se debería mellorar. “Habería que habilitar espazos de comunicación e solucionar temas como o financiamento das ideas que saen dos círculos”. Para Genma Otero “a base de Podemos son os circulos” e a pesar de que “o impulso inicial foi mermando” quere poñer en valor experiencias como a de Ames na realización de encontros con circulos de todo o país. “Os círculos son movementos veciñais e deberían terse en conta”.

Comezaron as votacións

Hoxe comezaron as votacións telemáticas para estas primarias de Podemos Galicia. Os inscritos e inscritas poderán facelo ata o 24 de outubro e con anterioridade, o 21 de outubro, terá lugar un Encontro presencial da Asemblea Cidadá e a votación presenciañ dos representantes dos circulos. O resultado darase a coñecer o 25 de outubro.