Os axentes forestais e medioambientais, en folga: "A Xunta obrigounos a chegar a esta situación" pic.twitter.com/vtOElVKuPG
— Nós Televisión (@NosTelevision) July 23, 2018
Finalmente, as e os axentes medioambientais farán folga entre o 25 e o 27 de xullo. Esta decisión tómase logo de nove meses de negociacións frustradas coa Xunta de Galicia, que “impón” as súas condicións e “empeora” o convenio laboral asinado no ano 2004. Os sindicatos denuncian que o Goberno galego “non ten vontade de diálogo”.
O vindeiro xoves, día 26, haberá unha manifestación que partirá ás 11.00h de San Lázaro e rematará en San Caetano, fronte ao edificio da Xunta. Iso si, de non ceder a Xunta, non se descarta convocar unha folga indefinida dende o 1 de agosto.
Malia todo, os brigadistas non deixarán os lumes “desatendidos”
Os brigadistas galegos denuncian que as condicións ofrecidas pola Xunta impiden a conciliación do traballo coa súa vida familiar, xa que descoñecen os seus horarios definitivos e poden ser chamados a traballar até 24 horas antes. Con todo, os axentes forestais envían unha mensaxe de tranquilidade á poboación e aseguran que, malia as circunstancias actuais, non deixarán “baixo ningún concepto” os lumes desatendidos.
Ausencia dunha “segunda actividade”
Outra das cuestións que denuncian os sindicatos é que a Xunta non garante unha “segunda actividade” para as e os brigadistas, nunha plantilla cuxa media de idade supera os 50 anos e que, por mor da súa actividade, moitas persoas padecen lesións e enfermidades. Porén, advirten, debido á negativa da Administración a recolocar ás e os traballadores noutras actividades, deberán xubilarse “extinguindo incendios”.