Comezou no Xulgado de Instrución e Primeira Instancia de Betanzos o proceso contra os denominados ’19 de Meirás’, activistas denunciados pola familia Franco tra-la realización dun acto protesta no pazo agora en poder da familia do ditador.
Hoxe foi a quenda de cinco das dezanove persoas denunciadas que estiveron arroupadas en todo momento polo BNG e Galiza Nova que convocaron un acto de solidariedade. Os procesados, poderían ter que afrontar penas que suman 247 anos de cárcere e case medio millón de euros en multas e indemnizacións.
En nome do colectivo denunciado interveu o seu portavoz, o nacionalista Néstor Rego, para lembrar que a ación desenvolvida en Meirás foi “pacífica e simbólica” que tivo como obxectivo “reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo”. Rego sinalou que todo o colectivo sinte “orgullo” por esta acción fronte ao que consideran un “proceso xudicial farsa”
Apoio do BNG e Galiza Nova
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presente na concentración de hoxe, esixiu ao presidente do goberno español, Pedro Sánchez, que deixe de “perder tempo”, dea “un paso adiante” para recuperar o Pazo de Meirás. “Cada minuto que o Goberno do Estado pasa sen pór esa demanda, quen vai gañando é a familia Franco, e ten que gañar a democracia”, afirmou.
As mocidades do BNG, Galiza Nova, tamén expresaron o seu apoio aos activistas e esixiron “a absolución para os ’19 de Meirás’ e que a familia do ditador Francisco Franco devolva todo o expoliado ao pobo galego”