María Rozas, concelleira de Economía e Facenda, explicou en rolda de prensa o resultado da segunda xuntanza cos grupos da oposición aos que lle presentou un borrador coa información remitida por estes a través dunha enquisa entregada a semana pasada.
A proposta do goberno municipal inclúe algo máis de tres millóns de euros de investimentos vencellados á EDUSI. As actuacións máis importantes realizaríanse no Patio de Madres e Castrón Douro. Dese orzamento habería 736.400 euros para unha primeira fase de reurbanización de ambas rúas.
A edil de Economía e Facenda asegurou que esta segunda reunión foi moi positiva pola coincidencia de temas prioritarios entre o goberno municipal e os diferentes grupos da oposición. O voceiro do BNG no concello, Rubén Cela, tamén en rolda de prensa, admitiu que hai temas nos que pode haber acordos.
No mesmo borrador inclúense 600.000 euros para a creación dunha plataforma de administración electrónica e outros 600.000 para o proxecto de vieiros e beirarrúas na zona da rúa Batalla de Clavijo. Tamén habería un orzamento de 200.000 euros para a realización de actuacións puntuais de accesibilidade do espazo público.