Os tres grupos parlamentarios da oposición manifestaron este luns no Parlamento que o goberno de Núñez Feijóo ten a obriga de “escoitar as voces contrarias á reforma da Lei de Saúde”, após a multitudinaria concentración do pasado domingo en Compostela en defensa da Sanidade pública.
Ana Pontón: “Pedimos a Feijóo que retire da orde do día a contrarreforma sanitaria”
Ana Pontón, voceira do Grupo Parlamentario do BNG, anunciou que a súa formación solicitará, a través dunha petición formal á Mesa do Parlamento, que se retire da orde do día do vindeiro pleno o debate sobre a reforma da devandita lei sanitaria.
O desmantelamento da Sanidade pública é un incentivo para que medre a privada
Así e todo, o PSdeG-PSOE considerou o “éxito” da manifestación como un “berro popular” contra o “desmantelamento” da Sanidade pública. O voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera isto un “incentivo para que medre a sanidade privada”.
Luís Villares, voceiro do grupo de En Marea, apunta na mesma liña pedindo ó presidente galego “que non convirta un dereito [a Sanidade pública] nun negocio para os seus amigos”. Así e todo, o deputado da coalición de esquerdas asegura que o Partido Popular “conserva a maioría absoluta no Parlamento pero non a maioría social”.
O PP deféndese ante as críticas
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, defendeuse das críticas da oposición asegurando que o seu partido comparte a “preocupación pola Sanidade pública”, incidindo na “boa calidade” do servizo prestado respondendo ós informes da Xunta e o Estado. Asemade, indicou que non entra nos intereses do seu partido “privatizar” a sanidade.