O Movemento Galego de Saúde Mental publica este xoves o seu balance de acción de goberno levado a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos 11 anos con Alberto Núñez Feijóo na presidencia. Neste senso, identifican dez eixos principais cos que ven preciso “valorar o grao de cumprimento das obrigas que como gobernante tiña quen ocupou a Xunta tanto tempo seguido”.

- Publicidade -

Deste xeito, o colectivo enumera, en primeiro lugar, a desplanificación. “Cando Feijóo accedeu ao goberno da Xunta, a primeira acción neste eido foi a paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, que se atopaba en desenvolvemento á súa chegada. E, dende aquela, a atención á saúde mental seguiu sen planificación, incumprindo así a primeira obriga dun gobernante: ordenar recursos dispoñibles e prioridades, máis necesario aínda cando estaba a comezar a crise financeira que tanto dano causou, e causa, á poboación máis vulnerable”

O segundo punto baséase no “ocultamento” á poboación e ao Parlamento do estado de saúde da comunidade. “Asistimos nesta cuestión, ao longo de varios anos, a como portavoces do PP e mesmo Feijoo negaron ante o Parlamento e a opinión pública a importancia dos datos que informaban do incremento dos suicidios en Galicia”.

O terceiro punto céntrase na vulneracións dos dereitos das persoas con necesidades de atención en saúde mental seguido do cuarto punto que salienta o “maltrato e discriminación das persoas ingresadas e residentes nos hospitais psiquiátricos de Galicia”. En quinto lugar, nomean a politización da estrutura de xestión sanitaria mediante a designación de profesionais politicamente submisos ao partido gobernante como xefes de servizo ou outros mandos intermedios-baixos

“O engano sostido á sociedade e ao Parlamento sobre as actuacións en saúde mental da Consellería de Sanidade e do SERGAS” conforma o sexto punto de denuncia. O sétimo salienta a pobreza e infradotación de recursos públicos específicos para a atención á saúde mental. “En termos xerais atopámonos cunha dotación de profesionais sanitarios que chega a ser do 50% dos recursos estimados como necesarios para unha atención adecuada á saúde mental, segundo o previsto nos plans que se elaboraron hai máis de trinta anos ¡¡sendo daquela gobernante o PP!!”, denuncian.

A propaganda e control informativo como “principal medio de actuación” da Consellería de Sanidade ante as denuncias da situación centran o oito punto de denuncia do comunicado do Movemento Galega de Saúde Mental. O noveno refírese ás contínuas privatizacións e o último aborda o “electoralismo e utilización das necesidades das persoas para recoller o seu voto, con abandono posterior da promesa”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego