A deputada do BNG, Olalla Rodil, denuncia o segundo asasinato machista cometido este ano en Galicia e fixo un chamamento a participar esta tarde das mobilizacións convocadas polos feminismos galegos. “No conxunto do Estado español foron asasinadas 10 mulleres no que vai de ano, unha muller cada catro días, isto é insoportable e non podemos normalizar a violación de dereitos humanos contra a metade da humanidade”, subliñou a vicevoceira parlamentaria, tras explicar que os feminicidios “son apenas a parte máis visíbel da violencia machista”.
Por iso, urxe converter a loita contra a violencia machista “nunha prioridade política absoluta”, sobre todo cando hai síntomas de retroceso “da man de discursos negacionistas que pensábamos desterrados”, denunciou. En Galicia, o BNG propón destinar o 1% do orzamento a combater a violencia machista, “100 M€ dun orzamento de 10.000 M€ é máis que posible tendo en conta que estamos falando de salvar vidas”, concluíu.