Os monicreques atoparon un lugar idóneo para amosa-lo seu potencial. O vindeiro xoves día 9 dará comezo en Teo a edición máis internacional do Festival Titiriberia. Doce funcións de títeres tradicionais, a cargo de oito compañías, levarán ó municipio teense un espectáculo que tenta adaptarse ós novos tempos.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, salientou o “alto nivel” desta nova edición, e invitou á veciñanza a acudir ós espectáculos.
O prato estrela terá lugar o vindeiro sábado. Coincidindo coa festividade local polo San Martiño, o Concello habilitará un espazo na Carballeira de Francos no que actuarán compañías galegas coma Seisdedos Marionetas ou Títeres Alakrán.