Home Programas Espazo Aberto ‘O xiro’, o primeiro poemario de Noelia Gómez

‘O xiro’, o primeiro poemario de Noelia Gómez

0
‘O xiro’, o primeiro poemario de Noelia Gómez

Con ‘O xiro’, a rianxeira Noelia Gómez gañou o V Premio de Poesía Gonzalo López e Xerais vén de publicar o seu traballo. Nós Televisión conversa con ela sobre a súa nova obra.

Este libro debúxase no aire cos arames que forman o tramado do coñecido, e vólvese estraño a causa do movemento. Coma unha escultura de Calder, Noelia Gómez bota man de cores primarias dándolles forma e fondo ata facelas xirar serpentinas. Poemas de lugar ensamblados pola presenza do corpo e a procura de paisaxes onde enmarcar a identidade.O xiro é o primeiro poemario dunha au­tora que valora o desprazamento ata convertelo en arma con que lexitimar o que cambia, permanece ou queda atrás. Coma quen aprende o son da fala ou escolle os materiais con que erguer un edificio, os seus versos dobran, ensartan e retórcense para soster o equilibrio. O eixo. A palabra. ANTÍA OTERO

Noelia Gómez (Rianxo, 1995) é graduada en Xornalismo e ten un mestrado en Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra. En 2015 gañou o Torneo de Poesía Recitada Ferve a Lingua. Forma parte da antoloxía poética No seu despregar (2016). Publicou en libros colectivos como 7 Relatos curtos contra a violencia de xénero (2015), Cultura que Une. Ribeira Sacra-Douro (2018); e en revistas como Madrygal ou Dorna. O xiro obtivo, en 2018, o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente.